Manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Arousa, Vigo, Ourense e unha concentración en Burela

Mobilizacións en Galicia

domingo, 16 junio 2013,

por   Unión General de Trabajadores (UGT) Galicia

Miles de persoas reivindicaron en toda Galicia máis democracia, emprego e protección social

Manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Arousa, Vigo, Ourense e unha concentración en Burela

16-6-2013.-Miles de persoas participaron en toda Galicia nas mobilizacións convocadas hoxe por UGT e CCOO en defensa do emprego, a protección social e por unha Europa máis democrática. Estas accións enmarcáronse nunha xornada de mobilizacións organizada pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que forman parte as dúas organizacións.

Os secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, lembran desde Ourense, onde participaron nesta xornada, que Europa precisa «unha forte dimensión social» e España e Galicia «un gran consenso polo emprego». As 300.000 persoas sen emprego en Galicia —máis de seis millóns no Estado—,100.000 fogares galegos con todos os membros no paro, un aumento do desemprego ata o 27% e unha insostible taxa de paro xuvenil do 60% son «motivos máis que suficientes» para a mobilización social, sinalan.

Na situación actual, os servizos públicos, que están a ser recortados, desmantelados e privatizados, son «máis necesarios ca nunca», aseguran. Sen eles, «non baixará o déficit, senón que aumentará a exclusión social», advirten Gómez e Aguión.

Así as cousas, a xornada de mobilización de hoxe amosou a oposición da cidadanía ás políticas de recorte que emanan desde Europa, que o único que lograron foi empeorar os efectos da crise. En España e Galicia traducíronse en máis recesión, máis destrución de emprego, máis desigualdade e máis tensión social. Por esta razón, CCOO e UGT esíxenlle a Mariano Rajoy que no cumio europeo dos días 27 e 28 deste mes defenda políticas alternativas,«que as hai».

Estas alternativas pasan por defender un programa de recuperación de ámbito europeo que teña como obxectivo central o pleno emprego e o progreso económico e social. Para isto cómpre tamén pór fin aos recortes no gasto público, a protección social e os salarios, porque son inxustos, aumentan o desemprego, as desigualdades e a pobreza, e agravan a recesión.

Tamén é necesario un cambio de modelo produtivo, desbotando a idea de que a competitividade se base nos baixos salarios e nas condicións laborais precarias. Ligado con isto, esixen poñer o acento nos investimentos, para un crecemento sostible, e promover o diálogo social e a negociación colectiva. Para eses investimentos, cómpre incrementar os ingresos, para o que será preciso adoptar unha fiscalidade gradual e redistributiva sobre os ingresos e a riqueza, así como, acabar cos paraísos fiscais, a evasión de impostos, a fraude fiscal, a corrupción e o traballo non declarado.

Por último, UGT e CCOO piden reforzar as redes de protección social para atender as persoas que peor o están pasando coa crise e preservar o consenso sobre o noso sistema público de pensións.

¿Y tú qué opinas de esto?