Compostela, 17 de xaneiro de 2013.
A sección sindical da CIG (PDI-PAS) da USC quere expresar a súa máxima preocupación e frontal rexeitamento cara ao proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia para 2013, actualmente a debate no Parlamento.
A Xunta fai un severísimo recorte no financiamento das universidades galegas de 21,7 millóns de euros. O financiamento estrutural, que cobre os gastos de persoal e os gastos correntes básicos das universidades, pasa de 290,06 M€ a 250,74 M€.
Unha parte substancial dos recortes previstos correspóndese cunha brutal tesoirada de 15,7 M€ da masa salarial. Aínda que o proxecto de Lei de orzamentos establece unha redución da masa salarial para a Administración autonómica do 3,4%, a que lle aplica ao conxunto das tres universidade será dun 5%, o que resulta unha evidente penalización. Faltarían aínda con estas previsións en torno a 8,6M€, por mor das actualizacións automáticas pola antigüidade e os complementos retributivos. Tal desaxuste poderíase traducir en cerca de 250 despedimentos de PAS e PDI así como de maiores recortes salariais.
No que respecta aos fondos de I+D+i, aparenta un lixeiro aumento (de 46M€ a 48 M€), mais cómpre aclarar que nos últimos tres anos estas consignacións orzamentarias resultaron ficticias: executouse un escaso 20% das partidas, pois a Xunta non chegou a realizar a maioría das convocatorias previstas e diminuíu o alcance das poucas que se publicaron.
O goberno da Xunta pretende que sexan as taxas académicas as que compensen a baixada orzamentaria anunciada, para o cal prevén un incremento por este concepto de 6M€. Para a CIG estas estimacións son ben pouco axustadas á realidade, e rexeitamos que se restrinxa o acceso ao ensino universitario por razóns económicas.
A CIG considera que estes orzamentos son unha sentenza de morte para as universidades públicas: conculcan o principio de autonomía universitaria e van causar unha grave degradación do servizo público de ensino superior, dificultar o acceso da sociedade á universidade e provocar despedimentos de persoal.
Facemos un chamado á comunidade universitaria para expresarmos o noso rexeitamento a estas políticas e convidámosvos, en primeiro lugar, a acudirdes ás concentracións convocadas polas organizacións sindicais con representación no sector público para hoxe, día 17 de xaneiro, nas principais cidades galegas , ás 19:00 horas, contra os recortes laborais e o deterioro dos servizos públicos.
Santiago: Praza do Toral
Lugo: Subdelegación do Goberno.
—————————————-
Concentracións nas cidades galegas o día 17, ás 19:00 horas, contra os recortes laborais e o deterioro dos servizos públicos
Hoxe xoves, ás 19:00 horas, as organizacións sindicais con representación no sector público, CIG, CCOO, UGT, CSI·F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, STEG, ANPE, USO, USTG, CGT, STAJ, SIAT e ACAIP, que integran a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, convocan concentracións en todas as cidades galegas contra as medidas que vén de aprobar a Xunta de Galiza que empeoran as condicións laborais e salariais das empregadas/os públicos/as e deterioran, aínda máis, os servizos públicos.
As concentracións previstas son:
o A Coruña: Delegación do Goberno.
o Santiago: Praza do Toral
o Ferrol: Praza de España.
o Pontevedra: Subdelegación do Goberno.
o Vigo: Museo MARCO
o Ourense: Subdelegación do Goberno.
o Lugo: Subdelegación do Goberno.
Compostela, 17 de xaneiro de 2013.
Gabinete de Comunicación
Confederación Intersindical Galega