Mañá xoves, 29/11/2012, ás 11:30 horas concentraranse diante do Parlamento de Galiza
Un mes despois das eleccións a Xunta fai desaparecer 23 postos de traballo en AGADER
A Xunta de Galiza (a empresa pública AGADER) vén de crear unha nova estrutura ao aprobar unha nova RPT, pola que fai desaparecer 23 postos de traballo. As traballadoras/es consideran que se trata dunha decisión política e denuncian que, casualmente, chega xusto un mes despois das eleccións. Outra das causalidades que se dan neste asunto é que todos os despedimentos corresponden a persoas que xa gañaran, con anterioridade, xuízos por outras ilegalidades da Xunta. Por iso denuncian que“son claramente represalias”.
Transcorrido un mes das eleccións ao Parlamento de Galiza, a Xunta vén de modificar a Relación de Postos de Traballo na empresa pública AGADER, para xustificar a eliminación de 23 deses postos e con iso o despedimento doutras tantas traballadoras e traballadores.
Segundo denuncia o persoal, este despido colectivo é o último paso despois dun ano de constantes discriminacións, sobre todos nos Centros Comarcais, onde mesmo se deu de baixa a limpeza, a luz, a auga e a calefacción, impedindo o normal desenvolvemento do traballo que se viña realizando.
Unha vez máis a crise e a escusa para xustificar estes despidos e encubrir unha “limpeza”das traballadoras/es que, con anterioridade presentaran denuncia por despedimentos anteriores.
As traballadoras/es xa solicitaron xuntanzas con todos os grupos parlamentarios e pediron unha entrevista coa conselleira. Este mesmo mércores, mantiveron reunións cos grupos do BNG e AGE, que se comprometeron a presentar preguntas parlamentarias respecto da RPT e a legalidade da mesma e a presentar tamén unha batería de iniciativas sobre o asunto.
Xunto a isto, teñen previstas mobilizacións e, mañá xoves, ás 11:30 horas convocan unha concentración diante do Parlamento de Galiza.
Compostela, 28 de novembro de 2012.
Confederación Intersindical Galega