INCENDIOS GALICIA
ROSA QUINTANA: “CREO QUE NON HAI QUE FACER XOGO SUCIO COS INCENDIOS, TODA A SOCIEDADE TEN QUE REPUDIALOS”
- “Se houbera unha mala coordinación está claro que a día de hoxe o incendio de Valdeorras non estaría nin siquera controlado”
- “Tamén houbo quen dicía que mentres non chovera non se ía apagar o lume. Se non fora polos medios que se puxeron e a exquisita coordinación que existiu non sería posible telo controlado tan rapidamente”
Santiago, 13 de agosto de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, volveu agradecer esta mañá o “esforzo sobrehumano” de tódalas persoas que traballaron no control do incendio rexistrado esta fin de semana na comarca ourensá de Valdeorras e engadiu que “creo que non hai que facer política nin xogo sucio cos incendios, toda a sociedade ten que repudialos”.
En relación con certas críticas sobre unha suposta falta de coordinación do operativo, a titular de Medio Rural e Mar sinalou que “se houbera unha mala coordinación, está claro que a día de hoxe o incendio non estaría nin controlado” en pouco máis de 48 horas. Rosa Quintana advertiu ademais que “tamén había quen dicía que mentres non chovera non se ía apagar o lume. Sen non fora polos medios que se puxeron e a exquisita coordinación que existiu non sería posible controlalo tan rapidamente”.
A conselleira insistiu en que “tivemos unha situación moi complicada polo vento e polos seus continuos cambios de dirección, e había que traballar moi rápido e de xeito moi organizado”. Dixo ademais que “nunca houbo en ningún incendio tantos medios traballando e iso foi o que nos permitiu telo controlado en canto amainou o vento”.
Traballo dos técnicos
En relación coas previsións sobre a total extinción deste lume, a titular de Medio Rural e Mar pediu que se deixe traballar aos técnicos, que “deben ser os que nolo comuniquen”. Sobre as súas posibles causas, lembrou que “despois de cada lume actúan as brigadas e as forzas e corpos de seguridade do Estado. Cando teñamos ese informe, daremos a oportuna información”.