A FEGAS anunciou na súa páxina web a “modificación” das actividades formativas, cando do que se trata realmente é da súa eliminación no segundo semestre
CIG-SAÚDE solicita do SERGAS a inmediata convocatoria dunha reunión coas organizacións sindicais para abordar a redución da oferta formativa 2012
A CIG-Saúde vén de dirixirse á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, Esperanza Fernández lago, para solicitar a inmediata convocatoria dunha xuntanza coas organizacións sindicais, logo de que, con data de 31 de maio, o Director da Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), publicara na súa páxina web unha resolución pola que se anuncia a modificación da oferta das actividades formativas correspondentes ao 2º semestre do ano 2012.
Máis alá dunha simple modificación, a CIG Saúde asegura que o que anuncia esa resolución é que se anulan parte das actividades formativas deste semestre, en proporción equivalente á diminución orzamentaria.
CIG-Saúde lembra que o Plan de formación é negociado no seo da Comisión de Formación por representantes do Servizo Galego de Saúde, da FEGAS e das organizacións sindicais CIG, CC.OO, UGT e CSI-F, asinantes do acordo de formación continua; polo que debe ser neste ámbito onde se comunique as supresións das actividades formativas do ano 2012.
Asegura que se trata da “maior falta de lealdade que unha Administración poida exercer no marco das relacións laborais, reformulando acordos asinados sen comunicación previa ás organizacións sindicais”. Lembra que o acordo de formación finánciase coas cotas das/os traballadoras/es e debe ser acordado coas organizacións sindicais que participan no Consello de Formación.
“É un insulto a intelixencia das/os traballadoras/es pensar que ocultando a supresión das actividades formativas o persoal non vai ser consciente de que este ano vai ver reducida a oferta”, asegura a CIG-Saúde que reitera a solicitude de inmediata convocatoria dunha reunión coas organizacións sindicais para “abordar a redución da oferta formativa 2012 e analizar as posibles medidas de aforro que se poidan aplicar antes de reducir as accións formativas”.
Neste sentido, a CIG-Saúde lamenta que a única medida que se lle ocorre aplicar á consellaría de Sanidade sexa reducir esa oferta formativa, cando é tan necesaria para a constante actualización e formación dos profesionais da sanidade pública, no canto de adoptar medidas como facer desaparecer a FEGAS como fundación e todo o seu organigrama, o que si supón un gasto adicional que provoca un encarecemento das accións formativas.
Fronte a isto, a CIG-Saúde solicita que se manteña a Escola Galega de Administración sanitaria pasando a depender esta, en lugar da fundación, directamente da consellaría de Sanidade. Lembra que dependente da consellaría xa existe unha Subdirección xeral de Investigación, Docencia e Innovación. Considera que deste xeito si se optimizarían recursos gañando realmente en eficiencia. “Sempre se recorta no mesmo sentido, manteñen organismos paralelos ateigados de altos cargos e fanlles pagar os recortes aos profesionais da sanidade pública, en vez de aproveitar os recursos existentes na propia consellaría de Sanidade”.
Ademais disto, CIG-Saúde solicita que lle sexa remitido o cadro de retribucións por módulo de hora que percibe o persoal que imparte docencia na FEGAS e as retribucións, se as perciben, dos membros do padroado da fundación, composta por Presidente, Vicepresidente, 17 patronos e un Secretario.
Compostela, 6 de xuño de 2012.
Confederación Intersindical Galega