El Centro Gallego de las Artes de la Imagen abre al público una mediateca con 7.500 dvd, 10.000 libros y 6.000 revistas

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, inaugura a nova instalación, que leva o nome do que fora director do CGAI durante sete anos, José Luis Cabo

O CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE ABRE AO PÚBLICO UNHA MEDIATECA CON 7.500 TÍTULOS EN DVD, 10.000 LIBROS E 6.000 REVISTAS

 Os usuarios poderán visitar a nova instalación en 10 a 14 horas e consultar os fondos propios do CGAI e o material NO-DO relacionado con Galicia
 A Mediateca ten un servizo de préstamo gratuíto das producións audiovisuais sobre as que a Xunta ten dereitos de difusión e daquelas películas recuperadas e restauradas polo CGAI
 A web http://www.cgai.org permite o acceso ás bases de datos dos fondos bibliográficos, hemerográficos e á Bibliografía do Cine Galego

Santiago, 25 de xaneiro de 2011.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inaugurou a súa Mediateca, que pon á disposición do público uns fondos compostos por máis de 6.000 revistas, preto de 10.000 libros e 7.500 títulos en DVD. O secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, acompañado por César Antonio Molina, presidiu a posta en marcha da nova instalación, que leva o nome do que fora director do CGAI entre 1999 e 2006, José Luis Cabo, cuxa viúva, Carmen Villagómez, tamén participou no acto.

A Mediateca do Centro Galego das Artes da Imaxe, está especializada en cine, fotografía e comunicación audiovisual. Estará aberta ao público en horario de 10 a 14 horas e permitirá a consulta dos fondos propios do CGAI, así como ao material do NO-Do relacionado con Galicia, do que existe copia na institución. Só os fondos da Biblioteca inclúen máis de 7.000 monografías, máis de 4.000 publicacións periódicas e novas relacionadas co audiovisual galego.

As instalacións da Mediateca do CGAI contan con 10 postos de consulta para investigación e cinco cabinas de visionado (catro delas para todo tipo de material e unha para o material do NO-DO). A sala está dotada tamén con servizo de reprografía e conexión gratuíta a internet.

Os usuarios poderán contactar coa nova Mediateca do Centro Galego de Artes da Imaxe a través da páxina http://www.cgai.org, que abre o acceso ás bases de datos dos fondos bibliográficos, hemerográficos e á Bibliografía do Cine Galego, elaborada polo Departamento de Cine da USC.

A Mediateca do CGAI permitirá, ademais, facer uso dun servizo de préstamo gratuíto das producións audiovisuais sobre as que a Xunta de Galicia ten dereitos de difusión cultural e daquelas películas recuperadas e restauradas polo CGAI. Este servizo está dirixido a institucións e asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo difundir a produción audiovisual galega, que poderán presentar as solicitudes a través da web http://www.cgai.org.

Vinte anos da Filmoteca de Galicia
O Centro Galego de Artes da Imaxe, a Filmoteca de Galicia, cumprirá o vindeiro 15 de marzo vinte anos como institución responsable autonómica do audiovisual e salvagarda do seu patrimonio neste campo. Exerce, desde as súas orixes, coa seguintes funcións:

-A recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.
-A programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións, etc. co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.
-A colaboración, cos obxectivos anteriores, en actuacións en Galicia e no exterior.
-A participación na promoción da produción audiovisual galega en mercados, mostras e festivais.

Na actualidade o CGAI posúe preto de 3.000 copias en soporte cinematográfico, 4.000 copias en soporte videográfico, compilando toda a produción subvencionada desde 1984. Completan o seu importante arquivo uns 10.000 carteis e un inxente fondo fotográfico, incluídos os fondos fotográficos e fílmicos do escritor arxentino Julio Cortázar (conseguidos por José Luis Cabo).

Homenaxe a José Luis Cabo
A Mediateca do Centro Galego de Artes da Imaxe leva o nome do que foi director da institución entre 1999 e 2006, José Luis Cabo (1957-2009), quen traballou para a Filmoteca desde os seus inicios. Historiador da fotografía, documentalista e activista cultural de ampla traxectoria, el mesmo fotógrafo, foi unha figura crucial na difusión do audiovisual en Galicia, grazas as súas políticas de apoio e de impulso de exposicións que permitiron a consolidación de fotógrafos galegos como Vari Caramés ou Manuel Vilariño. Foi responsable de innumerables propostas editoriais, restauracións cinematográficas, mostras de fotografía histórica (Ruth Anderson, Pedro Brey, Jean Dieuziade, Schmidt de las Heras ou Sebastiao Salgado) e actividades formativas, como os curso de Cero en Conducta e os Cartoon Master, destacando o pioneiro mercado de animación do Cartoon Forum.

Coordinador de Audiovisual Galego (2003) e das dúas edicións do Diccionario do Cine en Galicia, a última en 2009, autor dunha monografía sobre Fernando Rey (1994), así como de Espectáculos precinematográficos en Galicia (1990), os seus traballos de investigación versaron tamén sobre a fotografía clásica ou a arquitectura dos cines galegos.

Un comentario sobre “El Centro Gallego de las Artes de la Imagen abre al público una mediateca con 7.500 dvd, 10.000 libros y 6.000 revistas

¿Y tú qué opinas de esto?