
Feijóo avoga por garantir o sostemento do sistema sanitario público e di que ao igual que a Xunta aplicará un catálogo priorizado de prescrición de medicamentos “outras Comunidades e o propio Ministerio acabarán facéndoo tamén”
Feijóo abogar por garantizar el sostenimiento del sistema sanitario público y dice que, al igual que la Xunta aplicará un catálogo priorizado de prescripción de medicamentos, «otras comunidades y el propio Ministerio acabarán haciéndolo también»
- Destaca a “enorme responsabilidade” de administrar unha das grandes asignaturas do momento presente: “se antano foi levantar un sistema sanitario público, agora é mantelo”
- Subliña que coa mesma intensidade que o Goberno galego decidiu non recortar os servizos públicos, como se pon de manifesto nos presupostos para o ano próximo, a Xunta tamén está dotando de racionalidade ao sistema sanitario público para poder garantir a súa continuidade
- Destaca un triplo compromiso: coa calidade, o rigor e a eficiencia no gasto sanitario; co colectivo sanitario, que debe participar e comprometerse coa mellor asistencia sanitaria posible; e co paciente como centro de todas as actuacións
- Sostén que non só necesitamos máis e mellores infraestruturas, senón tamén unha xestión máis adecuada: máis transparente, máis eficaz e máis eficiente
- Lembra que tres novos hospitais en Lugo, en Vigo e en Pontevedra, ou un impulso sen precedentes á Atención Primaria coa licitación simultánea de 19 novos centros de saúde antes de que remate o ano, demostran a aposta da Xunta por adecuar o noso sistema sanitario público ás necesidades actuais e futuras dos galegos
O presidente da Xunta afirmou que, neste momento, o mellor servizo que poden facer as administracións aos usuarios da sanidade pública é garantir o sostemento do sistema sanitario. “Todos sentimos a enorme responsabilidade de administrar unha das grandes asignaturas do presente: se antano foi levantar un sistema sanitario público, agora é mantelo”, subliñou.
E neste sentido, afirmou que “do mesmo modo que fixemos a través das campañas de fomento dos xenéricos, seguiremos o camiño indicado polo Parlamento e elaboraremos un catálogo priorizado de prescrición de medicamentos. Un catálogo que incluirá os medicamentos que cumpran os criterios de eficacia e eficiencia; é dicir, que garantindo a súa calidade e seguridade, teñan un menor prezo”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que coa mesma intensidade que o Goberno galego decidiu non recortar os servizos públicos, como se pon de manifesto nos presupostos para o ano próximo, que destinan 3 de cada 4 euros á sanidade, á educación ou aos servizos sociais, a Xunta tamén está dotando de racionalidade ao sistema sanitario público para poder garantir a súa continuidade. “É o camiño co que imos a materializar un triplo compromiso: compromiso coa calidade, o rigor e a eficiencia no gasto sanitario; compromiso co colectivo sanitario, que debe participar e comprometerse coa mellor asistencia sanitaria posible; e compromiso co paciente como centro de todas as actuacións”.
O presidente da Xunta subliñou que “é evidente que non só necesitamos máis e mellores infraestruturas, senón tamén unha xestión máis adecuada: máis transparente, máis eficaz e máis eficiente. Debemos buscar as máximas eficiencias en todos os ámbitos de xestión, desde o uso das novas tecnoloxías e a priorización á hora de organizar as listas de espera, ata aquelas materias que supoñen un maior gasto para a facenda pública, como o gasto farmacéutico”.
Para Feijóo, o éxito ou o fracaso do noso sistema sanitario, ademais de non estar sometido á mera casualidade, vese condicionado por un esforzo colectivo que ha de ser permanente, “máis aínda neste tempo de incertezas económicas”. “É por iso que a Xunta se suma desde o primeiro día á busca de fórmulas que nos permitan cubrir as necesidades sanitarias dos cidadáns. Non só as máis inmediatas, senón tamén ás que virán”.
Deste xeito, lembrou que tres novos hospitais públicos en Lugo, en Vigo e en Pontevedra, ou un impulso sen precedentes á Atención Primaria coa licitación simultánea de 19 novos centros de saúde antes de que remate o ano, demostran a aposta da Xunta por adecuar o noso sistema sanitario público ás necesidades actuais e futuras dos galegos.