El nuevo hospital de Lugo empieza a funcionar en noviembre

O presidente da Xunta cualificou o complexo, deseñado para o próximos cincuenta anos, como “un dos grandes hospitais de Europa”

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

FEIJÓO ANUNCIA QUE O 22 DE NOVEMBRO SE INICIARÁ O TRASLADO DAS CONSULTAS PARA O NOVO HOSPITAL DE LUGO

 

  • O presidente dixo que a apertura inmediata deste hospital é posible logo de que o Goberno da Xunta resolvera o problema da ausencia do orzamento, xa que “atopamos  33 millóns de euros para converter un edificio nun hospital en Lugo”, recalcou
  • “En dez días a partires do 22 de novembro, iniciaremos o traspaso de todas as consultas externas; en sete días iniciaremos e concluiremos o traslado do servizos de hospitalización e probas diagnósticas; os sete días seguintes trasladaranse as urxencias e as unidades de coidados intensivos e; por último, nos quince días restantes, faremos o resto de unidades administrativas”, explicou o presidente
  • Subliñou que o novo complexo hospitalario contará cunha “canteira de servizos adicional aos hospitais tradicionais” como son unha escola infantil para nenos ingresados, outra escola infantil para fillos de persoal, e un centro de día para familiares dos profesionais do centro
  • Aprobada a declaración de incidencia supramunicipal do polígono da Pasaxe, no que a Xunta investirá 31 millóns de euros
  • Anunciou que queda “definitivamente desbloqueada” a depuradora de Vigo, “a maior obra en infraestrutura de saneamento de rías que nunca se fixera na comunidade autónoma con algo máis de 250 millóns de euros”
  • Núñez Feijóo informou da remisión ao Concello da Coruña do convenio para o enlace de Lonzas, co fin de licitar canto antes as obras da que cualificou como “unha infraestrutura clave para a cidade da Coruña e para toda a súa área de influencia”

 Santiago, 23 de setembro de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o vindeiro 22 de novembro se iniciará o traslado de todos os servizos para o novo hospital de Lugo. “Neste momento o hospital de Lugo está practicamente en proceso e equipamento definitivo, o que nos permite iniciar o traslado de todas as instalacións das antigas ubicacións ao novo hospital público”, salientou Núñez Feijóo, quen engadiu que “o 22 de novembro empezamos o traslado do hospital que durará 39 días”. Segundo dixo, “en dez días a partires do 22 de novembro, iniciaremos o traspaso de todas as consultas externas; en sete días iniciaremos e concluiremos o traslado do servizos de hospitalización e probas diagnósticas; os sete días seguintes trasladaranse as urxencias e as unidades de coidados intensivos e; por último, nos quince días restantes, faremos o resto de unidades administrativas”.

 O novo complexo hospitalario conta con 869 camas, con 19 quirófanos, co 42 % das habitacións individuais e, ademais, está equipado coa última tecnoloxía e sistemas de información. Así mesmo cómpre lembrar que disporá dunha escola infantil para nenos ingresados, unha escola infantil para os fillos e as fillas de todo o persoal do hospital,  e tamén –salientou o presidente- “unha experiencia piloto na que estamos a traballar que é un centro de día para os familiares dos profesionais deste hospital”. Polo tanto, recalcou Núñez Feijóo, trátase dun complexo que conta “cunha canteira de servizos adicional aos hospitais tradicionais”, o que o converterán nun centro deseñado para os vindeiros cincuenta anos e que será “un dos grandes hospitais de Europa”.

 O presidente galego dixo que a apertura inmediata deste hospital é posible logo de que nos últimos meses o Goberno da Xunta abordará “con axilidade o problema da ausencia do orzamento”. “Licitamos a dotación completa de 23 millóns de euros, desbloqueamos e licitamos tamén a dotación tecnolóxica con máis de dez millóns de euros. En definitiva, atopamos  33 millóns de euros para converter un edificio nun hospital en Lugo”, recalcou Feijóo.

 Así mesmo, salientou que o compromiso do Goberno que preside no ámbito da sanidade pública queda reflectido nunha serie de compromisos que pasan por “adxudicar antes do quince de outubro o novo gran hospital público de Vigo, por proseguir ata licitar o novo hospital público de Pontevedra e, simultaneamente, abrir un edificio”. “Ese edificio que se nos entregou hai que convertelo en hospital e despois de convertelo en hospital hai que abrilo”, matizou o presidente en referencia ao futuro complexo lugués.

Polígono da Pasaxe         

Entre os temas abordados, Núñez Feijóo informou de que o Consello da Xunta de hoxe declarou a incidencia supramunicipal do proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe, nos concellos de Vigo e Gondomar, para o que se destinan 31 millóns de euros de investimento. A este respecto o presidente dixo que “imos seguir dando prioridade ao solo empresarial alí onde hai máis demanda” e, neste contexto,  “imos ampliar o polígono industrial ao dobre e imos a regularizar o solo industrial no que neste momento están 80 empresas”. Trátase de “garantir os servizos necesarios ás empresas que decidiron  asentarse nesta ubicación ás que se lle vai dar seguridade xurídica, económica e laboral, e ampliar noutras 30 hectáreas a superficie do polígono porque está comprobado que é un emprazamento atractivo para as empresas”, dixo Núñez Feijóo.

 Depuradora de Vigo

Así mesmo, o Consello aprobou o decreto de urxente ocupación dos terreos para a construción da depuradora de Vigo, co que se poderá iniciar xa o que Núñez Feijóo cualificou como “ a maior obra en infraestrutura de saneamento de rías que nunca se fixera na comunidade autónoma con algo máis de 250 millóns de euros”. Segundo especificou, esta obra “é e segue a ser un obxectivo irrenunciable para a Xunta de Galicia”. Co acordo de hoxe, o proxecto “queda definitivamente desbloqueado” e “está todo listo para empezar a obra”, na que a Xunta aporta 126 millóns de euros, Acuanorte (do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño) pon 112 millóns e encárgase da expropiación dos terreos, mentres que o concello de Vigo 13,6 millóns de euros ademais da explotación da obra unha vez que entre en servizo.

 Enlace de Lonzas, na Terceira Rolda da Coruña

Doutra banda Núñez Feijóo informou de que a Xunta acaba de remitirlle ao Concello da Coruña o convenio para concluír as obras do enlace de Lonzas, da Terceira Rolda da Coruña, no que a Administración autonómica investirá 18,3 millóns de euros que se suman aos 38 millóns que xa están en execución. Este enlace permitirá conectar a Terceira Rolda, que está en execución, coa autovía AC-14, que constrúe o Ministerio de Fomento.  O presidente insistiu en que o acordo será remitido “de forma inmediata ao alcalde da Coruña para asignar o convenio de tal xeito que a corporación coruñesa empece a expropiación dos terreos e a Xunta de Galicia poida licitar sen máis dilación as obras necesarias para concluír a Terceira Rolda coruñesa, que cualificou de   “infraestrutura clave para a cidade da Coruña e para toda a súa área de influencia”.

 

¿Y tú qué opinas de esto?