O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, mantivo unha xuntanza en Santander co seus homólogos de Asturias, Cantabria e País Vasco
O COMITÉ DE COORDINACIÓN DO CANTÁBRICO NOROESTE REÚNESE PARA AVANZAR EN MATERIA DE ORDENACIÓN E XESTIÓN PESQUEIRA
- Representantes das catro administracións autonómicas reúnense en Santander co obxectivo de continuar aunando criterios para regular de forma harmónica os intereses e actividade pesqueira das frotas no caladoiro cantábrico
Santander, 16 de setembro de 2010.- O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, mantivo unha xuntanza co director xeral de Pesca de Asturias, José Marcelino Menéndez Cuervo, co director e co subdirector de Pesca e Alimentación de Cantabria, Fernando Torrontegui e Julio González, e co viceconselleiro e co director de Pesca e Acuicultura do País Vasco, Jon Azkue e Jokin Díaz Arsuaga, para tratar diversos asuntos que competen á frota do Cantábrico- Noroeste. Á xuntanza tamén acudiu a subdirectora general de Asuntos Pesqueros Comunitarios, Concepción Sánchez Trujillano, coa finalidade de coordinar as medidas a adoptar coas emanadas desde o Goberno central.
Pablo Fernández Asensio explicou que o obxectivo deste encontro é o debate para continuar na liña de aunar criterios coa finalidade de regular da maneira equilibrada e harmónica a actividade das frotas destas catro comunidades autónomas que comparten o caladoiro cantábrico. Así, un dos temas principais que se tratou nesta reunión foi o artellamento dun plan integral da frota de artes fixas (palangre, volanta, rascos e artes menores) e cerco do caladoiro do Cantábrico Noroeste. Este plan, que está sendo elaborado polos técnicos das catro comunidades autónomas, será presentado ao sector por cada comunidade autónoma e posteriormente ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.
O documento contempla a determinación consensuada de aspectos técnicos de xestión e regulación das pesquerías, tales como o establecemento de paradas temporais para as frotas, no caso de que sexa preciso para algún recurso, ou a adecuación do esforzo pesqueiro e dos niveis de frota. Deste xeito, o obxectivo de adaptarse ás esixencias que establecen os fondos FEP e de coordinar estas medidas tendo en conta que a actividade pesqueira se realiza sobre unha área de pesca común.
Outra das finalidades desta reunión é reiterar a aposta firme das comunidades ribeiregas cantábricas no referente a determinar unha normativa consensuada para regular a utilización das artes fixas de enmalle (rascos e volantas). Entre outros aspectos, as catro comunidades autónomas apostan por aumentar a profundidade na que se poden empregar estas artes de pesca. Pablo Fernández explicou que as demandas comúns das comunidades xa foron comunicadas ao Goberno co obxectivo de que se incorporen estas modificacións antes da entrada en vigor da normativa, o 1 de outubro de 2010.