ROBERTO VARELA RECOÑECE OS PREMIOS ‘ROSALÍA DE CASTRO’ COMO O “PUNTO DE ENCONTRO DOS MELLORES ESCRITORES DO NOSO PLURAL E CREATIVO ESPAZO LINGÜÍSTICO”
- O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu esta tarde no Pazo de Fonseca a entrega dos premios Rosalía de Castro, concedidos polo Centro PEN de Escritores de Galicia para galardoar a autores e autoras de ámbito ibérico en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa. Itxaro Borda, Lêdo Ivo, Antonio Gamoneda e Francesc Parcerisas son os galardoados nesta oitava edición.
Santiago, 17 de setembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participou esta tarde no Salón Nobre do Pazo de Fonseca na entrega dos VIII Premios ‘Rosalía de Castro’, que cualificou como “un punto de encontro dos mellores escritores do noso plural e creativo espazo lingüístico”. Durante a súa intervención, Roberto Varela felicitou a Itxaro Borda, Lêdo Ivo, Antonio Gamoneda e Francesc Parcerisas, premiados este ano, pola “súa contribución á harmonía lingüística e á complementariedade das culturas que este acto simboliza e fai patentes”.
Ao acto de entrega dos premios Rosalía de Castro, concedidos con carácter bianual polo Centro PEN de Escritores de Galicia para galardoar a autores e autoras de ámbito ibérico en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa, tamén asistiron o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o reitor da USC, Juan Casares Long e o presidente do Centro PEN de Escritores de Galicia, Luís González Tosar.
Segundo Roberto Varela, estes galardóns “resaltan a visión solidaria e comunitaria do complexo modelo cultural no que vivimos e reúnen os máximos niveis de identidade e universalidade que alcanzaron as nosas respectivas linguas”. “Cómpre que sexamos capaces de establecer canto máis axina mellor as necesarias alianzas entre as administracións, os creadores, os produtores de cultura e os cidadáns para poder seguir vivindo no xusto medio”, engadiu.
O conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que os premios, nados do imaxinario de Carlos Casares, representan “a visión máis positiva do sistema plurilingüe que define e enriquece a Península Ibérica, xa que a súa misión consiste en recoñecer que a nosa lingua e a nosa cultura galegas están potenciadas polos aportes e potencialidades que recibimos dos outros idiomas, portugués, catalán, euskera e castelán”.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO