Con este paso queda rematado o proceso de tramitación ambiental do Plan Director de Estradas de Galicia, Plan MOVE
A XUNTA DE GALICIA PUBLICA NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA A MEMORIA AMBIENTAL DO PLAN DIRECTOR DE ESTRADAS DE GALICIA, PLAN MOVE (2009- 2020)
Algún dos principais obxectivos desde documento é completar a articulación da rede de infraestruturas de transporte de Galicia co exterior e a conexión entre os principais eixos interiores, ademais de garantir que o 80% da poboación se sitúe a menos de 10 minutos dunha Vía de Altas Prestacións, entre outros
O Plan busca mellorar a seguridade viaria, reducindo nun 50% o número de vítimas de accidentes de circulación nas estradas galegas no horizonte de 2013
Pretende que as peaxes non debe ser unha barreira para a mobilidade das persoas en Galicia
Finalmente, procederase a elevación ao Consello da Xunta para a súa Aprobación Definitiva, quen a súa vez o remitirá ao Parlamento de Galicia para seu exame
Santiago, 31 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan Director de Estradas de Galicia, Plan MOVE (2009-2020), promovido pola Dirección Xeral de Infraestruturas.
Este Plan ten como obxectivo principal establecer unha reflexión estratéxica que logre completar a articulación da rede de infraestruturas de transporte de Galicia co exterior e a conexión entre os principais eixos interiores; adecuar o transporte nos medios urbanos, mellorando a accesibilidade dos diferentes ámbitos funcionais do territorio dende unha perspectiva metropolitana e garantir que o 80% da poboación se sitúe a menos de 10 minutos dunha Vía de Altas Prestacións (VAP).
Así mesmo, busca mellorar a seguridade viaria, reducindo nun 50% o número de vítimas de accidentes de circulación nas estradas galegas no horizonte de 2013; elevar o investimento en mantemento, xestión e conservación da rede ao 3% do seu valor patrimonial; e flexibilizar o sistema de peaxes nas autoestradas galegas atendendo a criterios de coherencia, globalidade, progresión e universalidade. As peaxes non debe ser unha barreira para a mobilidade das persoas en Galicia.
Por último, tamén considera imprescindible fomentar o emprego de sistemas de transporte alternativos ao vehículo privado a través da implantación de aparcadoiros disuasorios nas contornas das cidades, así como itinerarios peonís e ciclistas.
Para acadar estes obxectivos, o Plan réxese por unha serie de principios estratéxicos como son a mellora da mobilidade, accesibilidade e competitividade de Galicia; a contribución ao reequilibrio territorial; o incremento da seguridade viaria e reducir o risco de accidentes nas estradas galegas e a compativilización da mellora da rede viaria co respecto ao medio e o desenvolvemento sostible. Así mesmo, tamén busca compactar o modelo territorial de Galicia favorecendo o incremento da masa crítica de poboación e difusión dos procesos de investigación, desenvolvemento e innovación e poñer a rede viaria de Galicia ao servizo dos cidadáns.
Seguinte paso
Con esta publicación da memoria ambiental queda rematado o proceso de tramitación ambiental do Plan Director de Estradas de Galicia, Plan MOVE. A partir de agora, haberá que solicitar informe á Dirección Xeral de Orzamentos, un documento sometido a Consultas Ambientais, coas correccións que se deriven á vista da toma en consideracións das observacións realizadas e da inclusión do Plan MOVE, xunto coa Memoria Ambiental e o informe da DX de Orzamentos, que serán aprobados provisionalmente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Posteriormente, procederase a elevación ao Consello da Xunta para a súa Aprobación Definitiva, quen á súa vez o remitirá ao Parlamento de Galicia para seu exame
Antecedentes
O Plan Director de Estradas, Plan MOVE xorde como documento básico de planificación en aras de resolver os problemas detectados nas infraestruturas viarias, partindo das necesidade do territorio, e nace coa intención de establecerse como marco de referencia para o desenvolvemento das estradas de Galicia, en consonancia co Plan Estratéxico de Infraestruturas 2005-2020 (PEIT), aprobado polo Goberno de España o 15 de xullo de 2005.
Para a elaboración do Plan, pártese do convencemento de que só dende a análise global do territorio se pode facer unha planificación axeitada. De aí que se considere o viario no seu conxunto, independentemente da súa titularidade.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, promove o Plan Director de Estradas de Galicia. Plan Move (2009-2020), de conformidade co procedemento de elaboración e aprobación previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia. No dito procedemento intégranse os trámites correspondentes á avaliación ambiental estratéxica de plans e programas segundo o establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
A estes efectos, a cronoloxía do proceso seguido é:
1. En data de 27 de febreiro de 2007, preséntase por parte do órgano promotor (Consellería de Política Territorial. Obras Públicas e Transportes), ante o órgano ambiental, un Documento de inicio de conformidade co artigo 18 da Lei 9/2006, do 28 de abril.
2. En xullo de 2008 elabórase a proposta do Plan Director de Estradas de Galicia (PDEG), como documento básico de referencia en materia de estradas, de conformidade coa Lei 4/1994 de estradas de Galicia e a Consellería de Política Territorial. Obras Públicas e Transportes, autorizou con carácter inicial a tramitación do Plan Director de Estradas de Galicia (PDEG), co ISA como documento integrante do mesmo.
3. Unha vez elaborada a proposta de Plan incluíndo o Informe de sustentabilidade ambiental (ISA), por Resolución do 4 de setembro de 2008, sométese a consultas por un período de dous meses, tras a publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) nº 178 do 15 de setembro de 2008.
4. En agosto de 2009, a Dirección Xeral de Infraestruturas, presenta o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan MOVE) que ten como soporte o Plan Director de Estradas de Galicia, sobre o que se efectúan unha serie de modificacións nos programas de actuacións que redundan nunha mellora e optimización do Plan.
5. Pola súa banda, o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (MOVE), xurdiu co obxectivo de mellorar o transporte e accesibilidade en Galicia, con criterios de sustentabilidade máis estratéxicos e globais. Co cambio brusco da situación dos mercados financeiros, fíxose necesario modificar a planificación do Plan MOVE co fin último de cumprir os obxectivos propostos optimizando os recursos económicos.
6. Do proceso de información pública, e dos aspectos xa mencionados respecto á nova coxuntura económica e a incorporación ao PDEG do Plan Move, tomouse a decisión, non substancial de eliminar certas actuacións previstas no documento inicial así como incluír outras novas que se definen no Plan MOVE, mellorando e optimizando o Plan.
7. En setembro de 2010, ante os recortes orzamentarios acontecidos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realiza un axuste do Plan MOVE, co obxectivo de adaptalo ás dispoñibilidades orzamentarias para os vindeiros anos e optimizar os recursos económicos que se destinen a este tipo de infraestruturas.
8. Todo este proceso da como resultado o Plan Director de Estradas de Galicia, Plan MOVE 2009-2020, que servirá de base de planificación en materia de estradas en Galicia e no que destacan as seguintes incorporacións estratéxicas:
Mellora da accesibilidade da poboación a vías de altas prestacións.
Optimización das peaxes.
Introdución do financiamento público-privado para a realización de actuacións.
Todo articulado a través de principios reitores. As actuacións estarán marcadas polos criterios de racionalidade, calidade, eficiencia, integración e coordinación, transparencia e diálogo.
Esta memoria ambiental pódese atoparse na web da Consellería http://medioambiente.xunta.es.
Me gusta:
Me gusta Cargando...