TRANSPORTE CORUÑA
A FGAMT-CIG denuncia que a Compañía de Tranvías despediu a un condutor por “querer respectar as normas de seguridade viaria”
- A Federación de Transportes da CIG critica as condicións de presión nas que os traballadores/as teñen que realizar o transporte urbano da Coruña
A Coruña, a 19 de novembro de 2012
A FGAMT-CIG (Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións da CIG) vén de denunciar publicamente as condicións nas que os condutores dos autobuses urbanos da Coruña teñen que realizar o servizo, e que até o momento xa ten custado o despedimento a un traballador que “quixo respectar as normas de seguridade viaria e non andar como un tolo”.
O responsábel de Transportes da CIG da Coruña, Ernesto López Rei, apuntou que o condutor foi despedido semanas despois de ter presentado denuncia na Inspección de Traballo dando conta das condicións nas que tiña que realizar o servizo (a toda présa e mesmo tendo que pasar por enriba de beirarrúas e glorietas) e logo de recibir presións dos mandos intermedios da compañía para que cumprise cos horarios das liñas asignadas.
López Rei, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo delegado da central na empresa, Marcelino Iglesias, apuntou que este despedimento responde a unha clara manobra de represalia por parte da empresa contra o condutor “que se atreveu a denunciar estas condicións”, pero que a situación laboral é extensíbel a todo o cadro de persoal dos autobuses urbanos.
Así, explicou que para poder respectar as frecuencias das liñas, os condutores/as da Compañía de Tranvías teñen que circular como “tolos, porque senón non lles da tempo de cumprir cunhas liñas que na meirande parte dos casos son irrealizábeis”. Expuxo o caso da Liña 1 –á que estaba destinado o traballador despedido-, para a que os/as condutores/as dispoñen de 20 minutos para realizar 19 paradas entre o Hospital Abente y Lago e o Castrillón.
A situación de presión que padecen os/as condutores (tanto no referido ao cumprimento das frecuencias, aos itinerarios excesivamente axustados ou a ausencia de pausas) quedou reflectida nun estudo interno feito pola Compañía de Tranvías, no que entre un 80% e 85% dos 181 traballadores/as enquisados aseguraron non ter tempo abondo para cumprir co traballo. Porén, lamentou, a empresa non adoptou ningunha medida correctora.
O especial universidade cóbrese con horas extras
Unha das liñas máis rendíbeis para a Compañía de Tranvías (e menos rendíbeis para o Concello) é a “Especial Universidade”, que a pesar do volume de viaxeiros/as e a frecuencia das liñas, non conta con condutores/as asignados, senón que se cubre na súa integridade con horas extraordinarias.
“Nun país como o noso, coa taxa de desemprego que existe, a Compañía de Tranvías permítese o luxo de cubrir a totalidade da liña con horas extraordinarias, a pesar de recibir un montón de diñeiro público”, denunciou. Neste senso, López Rei matizou que, aínda que a maioría dos usuarios/as desta liña teñen un billete bonificado, a empresa percibe do Concello o custe íntegro do mesmo.
“Resulta intolerábel que unha empresa despida a un traballador por querer cumprir coas normas de seguridade viaria, por non querer andar como un tolo pola cidade, e ao mesmo tempo esta empresa sexa unha das que máis diñeiro público recibe do Concello”, criticou López Rei.
“Entendemos que a Compañía de Tranvías presta un servizo público e compartimos que este vaia subvencionado. O que non compartimos é que sexa todo negocio e nada servizo”, aseverou. “Con estas prácticas a empresa aforra nos custes (vehículos e condutores/as), pero recibe inxentes cantidades de cartos públicos como se cumprise co servizo de forma axeitada”.
Segundo os cálculos da central sindical, para achegar un servizo adecuado, a Compañía debería incrementar o cadro de persoal un 20% e aumentar a flota de autobuses, “pero iso supón un gasto que a empresa non parece disposta a asumir”.
Por iso, López Rei lanzou unha mensaxe á equipa de Goberno municipal, e nomeadamente ao concelleiro Julio Flores, para que abra unha investigación a respecto das condicións nas que se presta o servizo de transporte urbano na cidade. Ao mesmo tempo demandou dos grupos políticos da oposición que tomen cartas no asunto e poñan en marcha as xestións oportunas para corrixir estas deficiencias.
——————————————
CURSOS ASTURGALICIA


















CAMISETAS A ELEGIR


