ACOSO SANTIAGO
De non o facer na vindeira semana levará toda a documentación da que dispón á Fiscalía Anticorrupción
A CIG exixe a dimisión do concelleiro compostelán Juan de la Fuente por acoso continuado a un funcionario municipal
A sección sindical da CIG no concello de Santiago convocaba esta mañá unha rolda de prensa para darlle ao funcionario municipal Miguel Vilariño, a posibilidade de explicar a situación de acoso continuado na que se atopa e que vén padecendo desde que o Partido Popular chegou ao goberno da cidade de Santiago. Xabier Picón, responsábel da sección sindical da CIG do concello denunciou que nos últimos días o concelleiro Juan de la Fuente puxo en cuestión a súa “profesionalidade e honorabilidade”. Por iso exixiu a súa inmediata dimisión e anunciou que, de non facelo nunha semana, a central sindical presentará toda a documentación da que dispón ante a Fiscalía Anticorrupción.
Miguel Vilariño comezou a súa andaina como funcionario do concello de Santiago hai 30 anos na área de Urbanismo, logo pasou ao Padrón e nos últimos 14 anos traballou no departamento de Participación Cidadá.
Segundo el mesmo explicou, coa entrada do PP no goberno municipal, en novembro do 2011 tiña esperanzas de formar un equipo de traballo con Francisco Javier Noya, concelleiro delegado de Relaciones Institucionais, Participación Cidadá, Centros Socioculturais e Festas, xa que viña dunha asociación veciñal e coñecía a dinámica e as necesidades desta área. Porén, unha vez tomou posesión, “a sintonía durou unha semana”, explicou Vilariño.
O primeiro que fixo o recén nomeado concelleiro foi retiralo de Secretario do Consello de Relacións Veciñais, o que lle comunicou verbalmente, e a partir de aí se lle foi restando carga de traballo “sen razón aparente”, explica, “coincidindo coa falta de actividade, proxectos ou programas a prol da participación cidadá desa concellaría”.
Vilariño afirma que o retiraron da tramitación de expedientes de subvencións e que mesmo “prohibíronme informar do rexistro de asociacións, impuxéronme que respondera con negativas non razoadas ás solicitudes de uso da Casa das Asociacións de Cornes a determinadas entidades culturais”.
Para o funcionario municipal o cumio deste proceso foi o primeiro decreto da Xunta de Goberno, polo que é trasladado a outra dependencia, cun horario totalmente distinto e cunha antelación de apenas tres días.


















CAMISETAS A ELEGIR












