PROMOCIÓN GALEGO
Cultura e Educación promociona o galego con 10 sesións de ‘Falaredes’ e ‘Os Axóuxeres’ na fin de semana
-
Os encontros teatrais dos Axóuxeres 2012 chegan á súa fin en Ponteareas, Tui e Ponteceso, logo de percorrer unha vintena de concellos da Rede de Dinamización Lingüística
-
Os Axóuxeres, en versión dixital, continuarán o seu percorrido por Galicia con paradas durante a fin de semana en Oroso, Betanzos, A Laracha e Carral
-
Títerehop e O Señor das dunas reforzarán a oferta creativa e escénica do Culturgal 2012, que se celebra entre hoxe e o domingo en Pontevedra
Santiago, 30 de novembro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a promover o galego polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) por medio dos dous programas impulsados a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os Axóuxeres e FalaRedes desenvolverán nesta fin de semana 10 actuacións que teñen como obxectivo promover o uso da lingua galega e a súa transmisión interxeracional e fornecer os concellos da RDL de actividades en galego destinadas ao tempo do lecer
Os Axóuxeres en xira Os Encontros teatrais dos Axóuxeres 2012 chegan á súa fin logo de percorrer unha vintena de localidades da RDL co seu espectáculo de música e xogos para os bebés de 0 a 3 anos cos seus pais e nais. As aventuras de Iria, Xan, Pelouro e R01, a coñecida familia de bonecos de xoguete que viven na mesa do cuarto dun neno, e que animan aos máis pequenos da casa a pronunciar as súas primeiras palabras en galego, arribarán na mañá do sábado a Ponteareas, cunha sesión ás 12:00 h no Auditorio Reveriano Soutullo. Pola tarde, trasladarán o seu mundo de cor e ilusión a Tui, onde actuarán para todas as familias asistentes no edificio Área Panorámica ás 18:30 h. Por último, o domingo rematarán na Casa dos Veciños de Ponteceso ás 12:00h a súa andaina por Galicia, no marco da perteza da Fundación Eduardo Pondal á RDL. Para asistir a todas estas sesións cómpre ter reservada praza previamente.
As andanzas dos Axóuxeres poderanse seguir nos encontros dixitais, proxeccións interactivas destinadas a rapaces de 3 a 6 anos nos que o curmán dos personaxes sae da pantalla para animar aos asistentes a resolver as 12 probas que desfagan o feitizo que ameaza a esta familia de bonecos. A música, as adiviñas e os enigmas envolverán estas sesións de 50 minutos, que poderán contemplarse ata completar o aforo en catro concellos da RDL durante a fin de semana. Oroso será o primeiro municipio en recibilos, este sábado ás 12:00 h no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro. Pola tarde chegarán a Betanzos, onde as familias poderán gozar do filme dos Axóuxeres no Salón Azul do Edificio Liceo ás 18:30 h. O domingo será a quenda da Laracha, ás 12:00 h na Casa da Cultura, e a de Carral, ás 18:30 h no Edificio Toñito Espiñeira.
Proxecto trasmedia Ademais dos encontros dos Axóuxeres, o ambicioso proxecto impulsado dende o departamento que dirixe –en funcións- o conselleiro Vázquez Abad compleméntase coa coa serie de televisión do mesmo nome que emite a segunda canle autonómica en horario de mañá, xantar e merenda. Cada capítulo componse de dous segmentos, un destinado a pequenos de 0 a 3 anos e outro de 3 a 6.
As tecnoloxías da información e da comunicación permiten o acceso á plataforma dixital da que se poden descargar cancións, xogos e aplicacións para levar aos Axóuxeres enriba todo o día, tanto no ordenador como en calquera dispositivo móbil Android. Tamén está aberto un espazo para todos os que queiran compartir as súas experiencias nos Encontros teatrais e dixitais.
Toda a información sobre os Axóuxeres: http://www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012.
‘FalaRedes’ no Culturgal 2012 Tamén durante a fin de semana as dúas actividades de FalaRedes abandonan o seu habitual circuíto polos concellos da RDL para participar na Feira Galega das Industrias Culturais que se está a desenvolver no Pazo da Cultura de Pontevedra desde hoxe e ata o domingo. No marco do día dos escolares, os adolescentes tiveron hoxe ocasión de rimar e crear monicreques con Títerehop desde as 11:00 ata as 13:00 horas, aínda que as súas cancións estarán dispoñibles durante un longo tempo no blog da actividade http://titerehop.wordpress.com.
O Señor das dunas, pola súa banda, fará gozar ao público que se achegue mañá ás 12:00 h ao Culturgal 2012. Xa pola tarde desprazarse á Casa da Cultura de Boiro, que contará con unha sesión ás 18:30 h. O vello bibliotecario que ilustra as súas historias con area pechará a semana no Rosal, cunha función ás 18:00 h no Auditorio Municipal.
Toda a información sobre FalaRedes en: http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes.


















CAMISETAS A ELEGIR





