Post etiquetado ‘bellas’

07/01/2011

Intenso programa de actividades del Museo de Bellas Artes de

El pase de diapositivas requiere JavaScript.


O MUSEO DE BELAS ARTES DE A CORUÑA ACOLLEU NO 2010 DESDE OBRADOIROS ATA CICLOS DE CINE DIRIXIDOS A TODOS OS PÚBLICOS

 No seu programa infantil, xuvenil e para adultos destacaron oito obradoiros, dous ciclos de conferencias, dous ciclos musicais, un ciclo audiovisual, a actuación dun contacontos e a produción dunha obra teatral, ademais de ser unha das sedes do ciclo Via Stellae organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Santiago, 5 de xaneiro de 2011.- O Museo de Belas Artes de A Coruña acolleu no ano 2010 dentro da súa programación anual do 2010 oito obradoiros, dous ciclos de conferencias, dous ciclos musicais, un ciclo audiovisual, a actuación dun contacontos e a produción dunha obra teatral, ademais de ser sede do ciclo Via Stellae organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O público infantil foi o auténtico protagonista do programa do Museo sen esquecer outros sectores como o xuvenil e o adulto. A programación anual deu comezo cun obradoiro de narración e pintura, Palabras a cores, desenvolvido ao longo de catro sábados de marzo e abril e destinado a nenos de 4 a 7 anos. Nel vinculouse a narración oral coa pintura, construíndo historias a partir das formas e cores presentes nos cadros. Desde o 8 de maio ao 26 de xuño, tivo lugar todos os sábados polo serán, o obradoiro en familia titulado Un cadro, unha historia, un xogo, que formulou un percorrido polas salas do século XX do museo con varias mini-actividades diante das obras e destinado a familias con nenos maiores de 5 anos.

O teatro foi outro dos grandes protagonistas do ano, celebrándose un obradoiro infantil sobre o Século de Ouro español, onde se desenvolveu o proceso teatral mediante o xogo, os traballos manuais, a memorización de textos e a observación das pinturas barrocas da colección permanente do museo. Como colofón, levaron a escena unha serie de poemas teatralizados diante dun auditorio de máis de cen persoas. A segunda experiencia teatral foi a producción da obra Os limóns de dona Elvira, obra encargada á compañía Galitoon para celebrar o centenario do nacemento de Luís Seoane. Para iso, os seus creadores partiron do universo creativo do pintor, reproducindo e intercalando ao longo do discurso narrativo imaxes das súas obras e referencias ás súas formas e cores. Realizáronse cinco funcións no mes de novembro, catro destinadas a centros escolares e unha ao público familiar, e a acollida foi espectacular, logrando o cheo absoluto en todos os pases. Un contacontos completou a oferta de actividades escénicas infantís do museo durante os sábados de outubro e novembro, unha iniciativa á que asistiron máis de catrocentas persoas.

Para rematar as actividades infantís, o pasado ano tamén se organizaron obradoiros de verán durante o mes de xullo, destinados a nenos de 6 a 12 anos. O tema dos mesmos foi a escultura, traballando coas obras de Asorey, Leiro, Manolo Paz, Silverio Rivas, Jesús Valverde, Isidoro Brocos ou Cristino Mallo. Por medio delas aprenderon a recoñecer os materias, as técnicas, as texturas, as formas, pero tamén espacios do museo de acceso restrinxido, como o obradoiro de restauración ou os almacéns. Durante os catro días que durou a actividade experimentouse co barro, desenvolvéronse habilidades, manexáronse materiais e procesos creativos utilizados na escultura clásica e contemporánea, e empregouse a expresión corporal como ferramenta creativa.

A oferta de actividades dirixidas ao público adolescente tamén se converteu nun capítulo importante, tendo en conta que este tipo de visitante era o gran ausente no museo. Por tal motivo e ante a boa acollida do ano anterior, volveuse a convocar o obradoiro de arte urbano durante os meses de outubro e novembro. En 2010 propúxose traballar arredor de distintos espazos da cidade e sobre como se pode incidir no seu cambio por medio de distintas accións artísticas, desenvolvendo técnicas como o graffiti ou a stencil-art.

Programación para adultos
En relación cos adultos, volveuse a programar para os martes pola mañá, desde marzo ata decembro, o ciclo de conferencias xa iniciado en 2009, A historia da arte a través dos museos. Como novidade, e á vista do éxito acadado por este tipo de curso en horario matinal, matriculáronse máis de 70 persoas na convocatoria de marzo e outras tantas na de outubro, comezou un novo ciclo de carácter temático, que se impartiu os mércores no mesmo horario, Os temas da arte. Foron dous os temas a tratar, a pintura mitolóxica, durante os meses de primavera; e a imaxe da muller, durante os de outono.

Con carácter práctico, e tamén por segundo ano consecutivo, tivo lugar un obradoiro sobre dourado tradicional os meses de maio e xuño, curso monográfico no que se ensinaron as distintas técnicas do dourado tradicional con ouro fino: imprimación, estucado, embolado, colocación do ouro fino, bruñido e barnizado, así como a infinidade de aplicacións que ten: desde esculturas a caixas, marcos, mobles e espellos. Os obradoiros e gravado continuaron acadando o mesmo éxito de matrícula con longas listas de espera, desenvolvéndose nas distintas especialidades que desde fai anos vense impartindo no museo: gravado calcográfico, litografía e xilografía. De todos eles fixéronse un total de oito convocatorias ao longo de 2010, cunha duración de cinco sábados cada unha.

Co mesmo formato de obradoiro, deu comezou unha nova actividade cunha grandísima acollida, o taller de escritura Contos no museo. Partindo dunha serie de cadros do museo, os participantes aprenderon, ao longo dunha ducia de clases, a construír unha narración e a coñecer os mecanismos do conto actual para crear a súa propia historia. De forma paralela invitouse a persoeiros relacionados coa creación literaria, escritores e ilustradores, para completar a visión obtida polos alumnos a través do curso. O resultado foi unha colección de contos realizados polos propios asistentes ao mesmo, algúns deles de moito interese.

Cine e música
O ciclo de cine Arte no celuloide continuou durante os meses de marzo e abril na súa oitava edición, dedicada nesta ocasión a biografías de artistas. Ademais da habitual conferencia de presentación, a cargo dunha especialista na materia procedente da Universidade Carlos III de Madrid, proxectáronse as películas como Rembrandt de Alexander Korda, Caravaggio de Derek Jarman, Goya en Burdeos de Carlos Saura, Seraphine de Martin Provost e o episodio de Van Gogh da longametraxe Os sonos de Akira Kurosawa.

En canto a programación musical, desenvolveuse o ciclo Música para unha época por noveno ano consecutivo. Este ciclo, que combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do museo correspondente do mesmo período histórico, reuniu ao grupo de cámara de orixe austríaco Ensemble Plus para o século XX; ao pianista Sergei Yerokhin para a pintura do Romanticismo e ao guitarrista Carles Trepat, para a pintura Barroca. Xa totalmente consolidado no museo, e dedicado a intérpretes galego, o ciclo de Concertos de Outono incluíu formacións como o dúo integrado polo contrabaixo Diego Zecharias e a pianista Alicia Permuy, o grupo de cámara Ensamble IULIUS XIII, a pianista Giselle Grau e o guitarrista Ramón Carnota.

Ademais, e como se vén realizando desde hai uns anos, o museo foi unha das múltiples sedes do ciclo Via Stellae.V Festival de Música de Compostela e os seus camiños, organizado durante os meses de verano pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. No marco do citado encontro celebráronse os concertos do dúo de clarinete formado por Enrique Pérez Piquer e Aníbal Bañados Lira, a Academia Contemporánea Do Via Stellae, e a soprano Roberta Invernizzi acompañada ao arpa de dúas ordes por Manuel Vilas.

About these ads
16/11/2010

Agustín Fernández Paz, Menchu Lamas, Eduardo Alonso, la Fundación Barrié de la Maza, la Sinfónica de Galicia, Editorial Galaxia y Vaca Films son los Premios de la Cultura Galega 2010

O XURADO DOS PREMIOS DA CULTURA GALEGA DECIDE OS SETE GALARDOADOS EN RECOÑECEMENTO DO TRABALLO CREATIVO DA NOSA COMUNIDADE E A SÚA EXPANSIÓN NO EXTERIOR   

 El Jurado de los Premios de la Cultura Galega galardona este año a Agustín Fernández Paz en la categoría de Letras, Menchu Lamas en Artes Plásticas, Eduardo Alonso Rodríguez en Artes Escénicas, la Editorial Galaxia en Promoción Cultural de Galicia, la Fundación Barrié de la Maza en la de Patrimonio Cultural, la Orquesta Sinfónica de Galicia en Música, y Vaca Films en Creación Audiovisual

  • O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu na Fundación Cidade da Cultura de Galicia a reunión na que se resolveron os galardoados nas sete modalidades dos Premios da Cultura Galega 2010.
  • Os galardoados son: Agustín Fernández Paz na categoría de Letras, Menchu Lamas en Artes Plásticas, Eduardo Alonso Rodríguez en Artes Escénicas, a Fundación Barrié de la Maza na de Patrimonio Cultural, a Editorial Galaxia en Promoción Cultural de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia en Música e Vaca Films na de Creación Audiovisual.
  • Con esta decisión, o xurado distingue a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do noso capital intelectual.

 Santiago, 16 de novembro de 2010.- O xurado dos Premios da Cultura Galega 2010 determinou na reunión celebrada hoxe na Fundación Cidade da Cultura os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.

 A segunda sesión de deliberación estivo presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Garbayo e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa.

Como membros do xurado designados pola Consellería de Cultura e Turismo tamén participaron na xuntanza o catedrático de Teoría da Literatura e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva; o profesor e crítico de arte Antón Castro Fernández; a arquitecta Isabel Aguirre Urcola; e o compositor Juan Vara García.

 A relación de premiados é a seguinte:

 - O escritor Agustín Fernández Paz é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- A artista Menchu Lamas recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A proposta foi realizada por Escena Galega e outras tres entidades e aprobada por maioría.

- A Fundación Barrié de la Maza resulta distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.

- A Orquestra Sinfónica de Galicia recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e distintos membros do xurado e aprobada por maioría.

O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.

 Con esta decisión, o xurado distingue a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do noso capital intelectual. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

 Coa creación e convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2010, a Consellería de Cultura e Turismo pretende distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo.

 

Seguir

Recibe cada nueva publicación en tu buzón de correo electrónico.

Únete a otros 3.231 seguidores

%d bloggers like this: