GALICIA HUNDIDA
PONTÓN: “FEIJOO DEIXA UNHA GALIZA ONDE SÓ MEDROU O PARO, A DÉBEDA E AS DESIGUALDADES”
-
A portavoz parlamentaria acusa ao Presidente da Xunta de protagonizar un dos “períodos máis negros” da historia democrática galega e deixar a Galiza en recesión
Santiago de Compostela, 28 de agosto, 2012. A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón acusou hoxe ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo de deixar a “Galiza con máis paro, menos servizos públicos, máis persoas sen ingresos e os sectores produtivos nunha situación límite”.
Na comparecencia ante os medios de comunicación para avaliar a xestión do Goberno galego, tralo anuncio do adianto eleitoral, a nacionalista afirmou que a solvencia non se mide no déficit , “mídese na capacidade de xerar emprego, riqueza e benestar”, e dixo, que“Feijoo fracasou” e permanece instalado nun “triunfalismo estéril”.
Pontón referiuse á economía galega da que destacou a súa “situación crítica” no agro, na pesca e o naval, “xa van tres trimestres de descenso” e acusou ao Núñez Feijoo de ser “incapaz” de facer fronte á crise económica, moi polo contrario, afirmou “tomou decisións que agravaron a situación”.
Neste sentido, para a deputada, o Presidente da Xunta aceptou un sistema de financiamento “inxusto e discriminatorio” , paralizou o concurso eólico, “ coa perda de miles de empregos” e foi “cómplice” da desaparición das caixas galegas como único instrumento financeiro propio.
Pontón criticou que a pesar das promesas para investigar o acontecido nas caixas galegas, o Partido popular actuou de “tapón” para impedir que os galegos e galegas souberan a verdade.
Tres anos e medio de incumprimentos
A nacionalista tamén asegurou que Feijoo incumpriu as súas promesas electorais, “unha a unha”, como a de iniciar a recuperación económica e crear emprego, porque en realidade, dixo estamos en “recesión”.
Prometeu blindar os servizos públicos, “hoxe temos menos profesores, máis listas de espera e Galiza está a cola en atención á dependencia”, engadiu.
Para Pontón, Núñez Feijoo instalou un “neocaciquismo” co control férreo dos medios públicos de comunicación, convertendo ao Parlamento galego “nun apéndice” do Goberno e do PP.
Ataques á cultura e lingua galega
No balance da xestión política do Goberno dirixido por Núñez Feijoo, a nacionalista afirmou que por primeira vez na Historia da autonomía, un goberno prohibe o uso do galego en varias materias do ensino e mentres a nosa cultura esmorecía, “a Xunta destinaba miles de millóns ao Gaiás”, un proxecto, que naceu “fracaso” e que nesta lexislatura demostrou o seu “sinsentido”.
O BNG á altura das circunstancias
Ante esta realidade, manifestou o “BNG estivo ao lado do pobo, activo no Parlamento e coa sociedade”.
Pontón reiterou que a lexislatura, que agora remata, pasará á historia como un dos “períodos máis negros da etapa democrática” onde os recortes das liberdades, a destrución do tecido produtivo e o deterioro das condicións de vida dos traballadores e traballadoras, dos autónomos e sociedade galega en xeral, forman o groso do balance do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo.


















CAMISETAS A ELEGIR
