BERGANTIÑOS
ACLARACIÓNS DE ADEGA SOBRE O PROXECTO DE EXPLOTACIÓN MINEIRA DE CORCOESTO (CABANA DE BERGANTIÑOS)
8 de marzo de 2012. Diante das tendenciosas informacións aparecidas nos medios, concretamente na edición de “Carballo” de La Voz de Galicia, insinuando un apoio implícito das organizacións ADEGA e Hábitat ao proxecto de mina de Ouro de Corcoesto, dende ADEGA queremos manifesar o seguinte:
1. ADEGA non acostuma a posicionarse sobre esta ou calquera outra explotación, actividade ou infraestrutura sen coñecer o contido do proxecto técnico e o estudo de impacto ambiental. Para o caso do proxecto de Edgewater Mining Co. de abrir unha mina de ouro en Cabana de Bergantiños (explotación de Corcoesto) ningún destes documentos atópase a exposición pública. Portanto, cuestións como o impacto paisaxístico, a xestión os estériles, a afección á rede hídrica, os riscos de verteduras tóxicas a as medias de seguridade, o impacto sobre os espazos protexidos, o proxecto de rexeneración…etc, aínda non se fixeron públicas e portanto, non poden ser convintemente avalialas.
2. Para coñecer algúns detalles do proxecto inicial, técnicos de ADEGA realizaron, a petición da empresa, unha visita ás instalacións e ao lugar da explotación en setembro de 2011. Como consecuencia desta visita, ADEGA reiterou aos responsábeis do proxecto as súas reticencias polo posíbel impacto paisaxístico da corta a ceo aberto (no canto de minaría soterrada), pola utilización de cianuro no proceso de extracción do ouro (no canto doutros métodos e substancias menos tóxicas), pola xestión das inmensas cantidades de estériles e pola posíbel afección ao río Anllóns, parte da Rede Natura. Por parte de Edgewater Mining Co. díxose tomar nota das nosas preocupacións que tentarían recoller no proxecto definitivo e no estudo de impacto. E por parte de ADEGA manifestouse claramente á empresa que a nosa postura quedaría definitivamente reflectida no documento de alegacións que se apresentará cando a Xunta someta a exposición pública o proxecto definitivo e o estudo de impacto ambiental.
3. ADEGA lamenta a utilización interesada que, ben dende a empresa Edgewater Mining Co., ben dende o xornal La Voz de Galicia, fíxose da boa vontade da nosa organización. Debido a este proceder de Edgewater Minig Co. a e/ou á manipulación interesada da información por parte de LVG, damos por rematado calquera contacto con esta empresa e os seus representantes. E polo que respeita ao xornal LVG, este caso confirma outra volta os motivos polos que o seu editor recibíu o premio Dioxina 2010. Agora xa poden dicir que a actitude de ADEGA é hostil.
Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA


















CAMISETAS A ELEGIR
